Mónica Rodríguez, alcaldesa do Concello de Vimianzo, vén de asinar cos representantes da AC Cherinkas e Axvalso o convenio de colaboración para apoiar a organización do Asalto ao Castelo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Dende a casa consistorial destínase unha partida de 35.000 euros para a organización da celebración, que cada ano atrae a milleiros de persoas. A rexedora municipal destacou “o compromiso coa preservación das tradicións locais” e resaltou “o enorme traballo que hai detrás desta festa única, cunha organización que con moito traballo, esforzo e dedicación, consigue que cada ano o Asalto siga medrando”.
A alcaldesa proseguiu pondo en valor “a aposta decidida do Concello de Vimianzo pola conservación e fomento das nosas tradicións, apoiando eventos coma este, para que sigan crecendo e ofrecendo diversión, cultura e historia a todas as persoas que nos visitan”.
Dous días cargados de festa, comida e música
O Asalto ao Castelo terá lugar os días 4 e 5 de xullo, pero conta cunha ampla programación para todos os públicos que se estende desde mediados de xuño.
A celebración comezará o venres, día 4, con actividades que se realizarán ao longo de todo o día, pero o punto álxido chegará ás 21:30 horas coa XIV Cea Medieval no Foso do Castelo, amenizada por Suso de Xornes, Lupe Blanco, Cé Orquestra Pantasma e Queimada. Os concertos nocturnos correrán a cargo de Che Sudaka, Monoulious Dop e La Yaya Dj.
Xa o sábado, o evento continuará tamén durante todo o día, con obradoiros, mostra de artesanía, torneos, música e os tradicionais Pinchos Irmandiños, que darán xa comezo o día 1. Xa pola noite, o trío Alana inaugura a quenda de concertos, seguido de The Rapants, antes do gran momento do Asalto ao Castelo, programado para as 23:30 horas. A noite finalizará coas actuacións de Heredeiros da Crus, Firkin e Mekanika Rolling Band.