PUBLICIDADE

O Vimiansol encherá a praza do Concello e o Castelo de música, teatro e circo

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema, foron as encargadas de presentar a variada programación do Vimiansol 2025

O programa, organizado polo Concello de Vimianzo xunto á colaboración da Deputación da Coruña, volverá a ser unha cita imprescindible para desfrutar da cultura ao aire libre durante os meses de verán.

O Concello de Vimianzo vén de presentar durante a mañá do 27 de xuño a programación cultural Vimiansol 2025, que inclúe propostas musicais, teatrais e de circo. Serán actividades para todos os públicos. 

A alcaldesa da localidade coruñesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema, foron as encargadas de dar a coñecer o conxunto de actividades que ao longo dos meses de xullo e agosto encherán a praza do Concello e o Castelo de múltiples actividades.

PUBLICIDADE

Co gallo da presentación do programa, a edil de Cultura, Rosa Blanco, puxo en valor “a decidida aposta polo promoción da cultura” e o gran orgullo “de contar, un ano máis, cun programa cultural de altísimo nivel que nos permitirá achegar á nosa veciñanza propostas artísticas únicas”.

Deste xeito, o programa, organizado polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Deputación da Coruña, consolídase como unha cita imprescindible para desfrutar da cultura ao aire libre durante todo o verán. Todas as actuacións darán comezo a partir das 21:00 horas e serán de acceso libre e de balde.

A primeira delas será o sábado 12 de xullo na praza do Concello co espectáculo de equilibrios ‘Circo Cambuche’, de Henriko. Unha proposta que promete facer rir a grandes e pequenos a través das acrobacias e malabares do grupo.

De seguido, o venres 18 de xullo será quenda da música, xa que o Castelo acollerá o concerto do cantautor galego Emilio Rúa, que traerá o seu repertorio íntimo, cheo de poesía e raíces, para celebrar os seus 25 anos enriba dos escenarios.

As propostas volverán á praza do Concello o sábado 26 de xullo, onde a compañía Artefeito presentará o seu divertido espectáculo de malabares, clown e técnicas circenses ‘Circando’.

Mergullándose xa no mes de agosto, este comezará cheo de música no Castelo. O día 1 será da man do Grupo Eburnie, que volve a Vimianzo para amenizar a noite do venres cos seus ritmos. Formado por músicos da Costa de Marfil, o conxunto está vinculado á ONG Égueire. Xa o ano pasado conseguiron emocionar ao público coa súa música. Mentres, o día 2 será a quenda de Rocío Caamaño, cun concerto no que mesturará a tradición galega con sons actuais, pop e moita emoción.

Por outra banda, o día 16 de agosto as artes escénicas volven á praza do Concello co espectáculo ‘O Minotauro’, do artista Nacho Flores, que combina equilibrios imposibles cunha historia de transformación e mito.

Ademais, a compañía La Finestra Nou Circ chegará desde Valencia ata Vimianzo o día 23 de agosto para presentar o seu espectáculo ‘Tranvía nº12’, con imaxinación, movemento e poesía escénica entre cinco personaxes que agardan na parada do tranvía.

Por último, Kote Malabar será o encargado de pechar a programación deste ano co seu espectáculo ‘Cirkote’, con malabares, clown e diversión como fin de festa. Será o 30 de agosto na praza do Concello.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.