PUBLICIDADE

Vimianzo e Laxe organizan unha andaina conxunta para darlle relevancia aos Penedos de Pasarela e Traba

Vimianzo e Laxe buscan pór en valor os Penedos de Pasarela e Traba

A actividade desenvolverase o domingo 11 de maio nun percorrido circular de 8 quilómetros con saída e chegada á escola de Pasarela.

Os concellos de Vimianzo e Laxe organizan de forma conxunta unha andaina que permitirá descubrir e poñer en valor un dos espazos máis singulares dos dous municipios da Costa da Morte: os Penedos de Pasarela e Traba. Ambos están catalogados como paisaxe protexida e considerados unha auténtica xoia xeolóxica e paisaxística na contorna.

Con esta andaina, Vimianzo e Laxe buscan reafirmar o seu compromiso coa posta en valor deste espazo natural e coa promoción dun turismo sostible e respectuoso co medio.

PUBLICIDADE

Esta actividade desenvolverase o domingo 11 de maio ao longo dun percorrido circular de aproximadamente 8 quilómetros, con saída e chegada á escola de Pasarela. Ao longo deste traxecto, as persoas participantes poderán contemplar auténticas obras de arte esculpidas de maneira natural polo paso do tempo. Entre as esculturas formadas polas forzas da natureza atópanse a Aguia, o Cantor, o Coello e o Paiaso Triste, a Esfinxe ou a Osa.

As inscricións para a andaina poderán realizarse ata o día 8 de maio a través da ligazón habilitada (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScav7ezxj121vlwHl_R7OwI6wrEcOENaaDmX6j-yfh5m2RAFA/viewform?usp=sharing), que estará dispoñible na páxina web de ambos os dous concellos.

Hai que ter en conta quecada persoa participante deberá trasladarse ata o punto de partida polos seus propios medios. No caso das persoas menores de idade, deberán estar acompañados por unha persoa adulta e contar con autorización materna ou paterna.

Desde a organización fan fincapé na importancia de manter unha actitude responsable e respectuosa co medio ambiente. Está expresamente prohibido tirar lixo ou residuos á natureza, sendo cada persoa responsable de levalos consigo e depositalos no lugar axeitado cando sexa posible.

Por outra banda, recoméndase levar roupa cómoda e axeitada para a práctica deportiva e adaptada ás condicións climatolóxicas do día, incluíndo calzado de sendeirismo, protección solar ou paraugas no caso de ser necesario. Aconséllase tamén o uso de bastóns de sendeirismo para maior comodidade e levar unha mochila con comida e bebida para a ruta.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.