PUBLICIDADE
Xabier Díaz durante a presentación do Cancioneiro Galego Serodio en Vimianzo

No evento estiveron presentes a alcaldesa, Mónica Rodríguez, a deputada de Lingua, Soledad Agra, e outros membros da corporación municipal.

O Concello de Vimianzo acolleu este martes 13 de maio a presentación do ‘Cancioneiro Galego Serodio’ de Xabier Díaz. O acto, incluído na programación anual das Letras Galegas promovida pola Deputación da Coruña, reuniu a máis de 100 persoas na Casa da Cultura.

Ao evento asistiron a alcaldesa co concello coruñés, Mónica Rodríguez; a deputada de Lingua, Soledad Agra; así como membros da corporación municipal. Durante a presentación, a rexedora quixo agradecer á Deputación a organización desta actividade cultural que “pon en valor as nosas letras e, sobre todo, a nosa tradición oral”.

PUBLICIDADE

Así, a xornada foi unha emotiva homenaxe ás cantareiras, representadas en Vimianzo pola figura de Carmen Limideiro, de Berdoias, que nos anos 80 foi informante do propio Xabier Díaz e o martes pasou a cantar con el.

Tamén estiveron presentes na sala as integrantes do grupo de pandeireteiras A Trubisquiña, símbolo do relevo xeracional e da vitalidade e futuro da música tradicional galega.

Xabier Díaz, as pandeireteiras e Carmen Limideiro xunto con membros da corporación municipal e da Deputación durante a presentación do Cancioneiro

Desde o Concello destacouse o valor desta edición das Letras Galegas, que rende homenaxe á tradición oral protagonizada por mulleres. Tal e como apuntou a deputada Soledad Agra, “celebramos a poesía oral, esa cultura transmitida de xeración en xeración por mulleres que recolleron nos seus cantares costumes, retrancas, coñecementos… E grazas a persoas como Xabier Díaz e moitas outras persoas e agrupacións de música tradicional ó longo e ancho deste noso país, podemos ter hoxe libros como este, onde pasamos por fin ó papel todas esas recolleitas das nosas portadoras para que teñan vida para sempre”.

Con este acto, o Concello de Vimianzo reafirma o seu compromiso coa cultura e co patrimonio inmaterial galego, promovendo espazos de recoñecemento e celebración da nosa identidade colectiva.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.